CRTVG

Buscar

Inditex recupera a figura de conselleiro delegado e propón a Carlos Crespo

Publicado o 23/05/2019 20:17
Inditex recupera a figura de conselleiro delegado e propón a Carlos Crespo

O presidente de Inditex, Pablo Isla, propuxo a Carlos Crespo, actual director xeral de Operacións da compañía, como conselleiro delegado da firma téxtil. En concreto, este nomeamento será efectivo tras a súa aprobación polo consello de administración, unha vez que sexa designado conselleiro pola xunta xeral de accionistas, que se convocará en xullo, onde se procederá tamén á reelección de Pablo Isla como presidente executivo da firma.

Desta forma, o xigante téxtil recupera a figura do conselleiro delegado coa designación de Carlos Crespo, e a compañía pasará a ter dous conselleiros executivos, xa que o consello propoñerá na xunta elevar a 11 o número de conselleiros, manterá en tres o número de conselleiros dominicais e seguirá contando cunha maioría de seis conselleiros independentes.

Desde a súa nova posición como conselleiro delegado, e reportando ao presidente executivo, Crespo será responsable das áreas de tecnoloxía (sistemas, datos e dixital), seguridade da información, loxística e transporte, obras, asesoría xurídica, compras e contratacións, e sustentabilidade, e será o encargado de definir xunto con Isla a estratexia global da compañía.

Crespo agradeceu a confianza depositada nel para axudar a esta integración tecnolóxica.

"Estou moi ilusionado de poder participar neste momento da compañía, onde tanto a transformación dixital como a sustentabilidade en todas as súas vertentes supoñen retos apaixonantes para cuxo desenvolvemento son imprescindibles innovación, espíritu emprendedor e traballo en equipo, aspectos intrínsecos á cultura da nosa empresa", indicou.

Inditex precisou que a traxectoria de Carlos Crespo dentro do grupo de moda e a súa responsabilidade á fronte da dirección xeral de operacións anticipaban de forma natural este nomeamento.

Noticias web

23/05/2019