CRTVG

Buscar

Inditex cifra en 25.000 as persoas afectadas por un posible ERTE a partir do 15 de abril

Publicado o 20/03/2020 07:17

• Bosch negocia un ERTE que afectará 1.300 traballadores en Vigo

O grupo Inditex cifrou en 25.000 persoas os traballadores que estarían afectados por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que presentará a compañía de "forma preventiva" a próxima semana e que aplicaría a partir do 15 de abril se é que se prolonga o estado de alarma.

Segundo informou a compañía, o ERTE só se aplicaría a persoal de tenda, e a empresa complementaría a retribución de cada un dos traballadores afectados.

En calquera caso, Inditex destacou que sufragará o custo dos salarios dos seus 48.000 empregados na primeira etapa da crise do COVID-19.

"A semana que vén presentaremos un ERTE preventivo por se se prolonga o estado de alarma, só para o persoal de tenda, afectado pola obrigación do peche das tendas", indicou a compañía.

Inditex asegurou que "en ningún caso os persoais de loxística, servizos centrais ou fábrica se verán afectados pola ferramenta de regulación temporal de emprego". O grupo téxtil insiste en que o obxectivo é "preservar o emprego".

Os sindicatos da compañía chegaran a cifrar en preto de 40.000 os traballadores afectados polo  ERTE.

Fontes próximas ás negociacións indicaron que nestes momentos é necesario non aplicar medidas de maneira precipitada, tendo en conta que a cobertura de paro dos ERTE será retroactiva.

En España, Inditex, segundo fontes sindicais, conta con preto de 35.000 empregados que deixaron de traballar tras o peche das tendas desde o pasado sábado 14 de marzo, aos que poderían sumarse case 5.000 dos máis de 10.000 procedentes das 11 plataformas loxísticas do grupo en España.

As ditas plataformas reduciron a súa carga de actividade e de traballo; nelas houbo unha menor actividade e menos persoal, pero traballaron coas medidas preventivas e recomendacións sanitarias.

Neste sentido, os distintos sindicatos representados na compañía, como CCOO, UXT ou CXT, referíronse aos devanditos ERTE nos centros loxísticos de Inditex en toda España.

Segundo apuntou CCOO de Industria, "non era o momento" de facer isto despois de que a compañía presentase "uns resultados tan positivos" do exercicio 2019, en que obtivo un beneficio neto de 3.639 millóns de euros, un 6 % máis.

Inditex presentaba este mércores os seus resultados ao ser a data de obrigado cumprimento por ser compañía cotizada, e centrábase en subliñar que o obxectivo prioritario é manter o emprego dos seus traballadores cando pase a crise do coronavirus e mentres tanto centrarse en procurar aplicar as fórmulas establecidas polo Goberno.

As devanditas fórmulas promoven que as empresas non despidan os seus traballadores durante este tempo e que garantan os seus ingresos dunha maneira coordinada coas administracións.

O presidente executivo de Inditex, Pablo Isla, dixo onte que estudarán todas as ferramentas que o Goberno puxo ao dispor das empresas.

Bosch negocia un ERTE que afectará a 1.300 traballadores en Vigo

A empresa Bosch negocia un expediente de regulación de emprego temporal para os seus centros de chamadas de Vigo que afectará a 1.309 empregados, informou o comité de empresa.

Apenas quedarán activos 240 operarios durante os seis meses de vixencia do ERTE, xustificado en causas organizativas relacionadas coa pandemia do coronavirus.

Veranse afectados operadores que prestan servizos de atención telefónica para compañías como Iberdrola, Vodafone, Repsol, EyG ou Orange.

A dirección solicitou aos sindicatos a constitución dunha mesa negociadora do ERTE.