CRTVG

Buscar

Indignación polo servizo de tren entre Ourense e A Coruña

Publicado o 21/09/2020 14:00

O tren das 6:45 da mañá, un Avant que tarda 38 minutos en facer o traxecto entre Ourense e Santiago, era utilizado normalmente por traballadores que se desprazan habitualmente a Santiago e á Coruña. Suprimiuse por mor da pandemia e medio ano despois segue sen restablecerse. Segundo Renfe, iranse restablecendo as liñas en función da demanda, pero para os usuarios é unha cuestión de servizo público: que os ourensáns poidan seguir residindo aquí aínda que traballen fóra.

Eva e Cristina son dúas afectadas. Viven en Ourense pero traballan na Coruña. Cunha hora e dez de traxecto, o avant das 6:45 deixábaas xusto a tempo para o traballo. O seguinte, que sae de Ourense ás oito menos cinco, xa non lles vale. E tampouco o autobús nin o coche particular.

Cristina Cid Blanco, afectada pola suspensión da liña: "Hai que pensar que as peaxes Ourense-Coruña son 13 euros máis trece euros. A iso sumarlle gasolina, desgaste de coche, desgaste persoal...".

Eva Conde, afectada pola suspensión da liña: "O que me planteei é ir durmir o día antes a Coruña para chegar a unha hora normal ao traballo, pero iso non o podo facer todos os días, porque teño tres fillos".

Explican que a maioría dos usuarios deste tren son traballadores e estudantes universitarios. Tamén xente que vai facer probas médicas. Entenden que o transporte público non se debe rexer por criterios de rendibilidade: "Aquí quen manda é o euro, ao non haber pasaxeiros suficientes van quitando servizos". "En Ourense parece que estamos olvidados. Hai moi poucas conexións, e se tes que ir traballar ou calquera cousa, é un problema".

Consideran a suspensión da liña un agravio para os ourensáns, en comparación cos habitantes da faixa atlántica: "Que me parece un agravio comparativo. Parece que o que pretenden é que non poidamos vivir en Ourense e que vaiamos vivir a outras cidades". "Non sei se o que se pretende é que Ourense cada vez quede máis despoboado, quitarnos os poucos servizos que temos definitivamente...".

Desde Renfe aseguran que as liñas se irán restablecendo, paulatinamente, en función da demanda e de decisións empresariais.

 

Noticias web

21/09/2020