CRTVG

Buscar

Indignación en Granada polo crime machista dunha mestra a mans da súa ex-parella

Publicado o 09/02/2020 14:48

Unha patrulla da Policía Nacional diante do número 19 da rúa Pavía de Granada alertaba onte á noite dun novo crime machista, o segundo no que vai de ano nesta provincia andaluza. O asasinato de Ana Morilla, unha mestra de 38 anos, foi cometido supostamente pola súa ex-parella, un lexionario que se entregaba en dependencias da Garda Civil pouco despois, aínda que nun principio se deu por desaparecido O autor do crime, de 28 anos, atacou a vítima cunha arma branca. Esta vida estragada vai acompañada doutro dato dramático: deixa orfa unha filla de dez anos.

Hoxe, a indignación era palpable en Íllora, a localidade granadina da que era orixinaria a muller asasinada. Alí celebrouse unha concentración que reuniu centos de persoas. O alacalde, Antonio Salazar sinalou que era "unha persoa moi querida, tanto ela como a súa familia".

Ana Morilla non só naceu nesta localidade, senón que exerceu durante cinco anos como mestra de primaria nun dos seus colexios e seguía tendo relación cos pais dalgúns antigos alumnos. Despois trasladouse a Granada para desenvolver o seu traballo como profesora. Os que a coñecían defínena como unha "mestra de profesión e vocación".

Despois da concentración, o pleno municipal de Íllora decretou tres días de loito oficial, o mesmo que fixo o concello de Granada.

Noticias web

09/02/2020