CRTVG

Buscar

A India rexistra un novo récord de máis de 400.000 contaxios diarios de coronavirus

Publicado o 01/05/2021 12:41

A India supera por primeira vez os 400.000 contaxios diarios por coronavirus, unha nova marca neste país duramente golpeado pola pandemia nas últimas semanas. Máis de 3.500 persoas faleceron de covid nas últimas 24 horas. Só dez días despois de pasar dos 300.000 casos alcanza as 401.993 novas infeccións, conforme as cifras oficiais, o que eleva o total de contaxios ata os 19,1 millóns. As mortes mantéñense por riba das 3.000 desde o mércores.

Tamén comezou a chegar a axuda internacional ante a grave situación no país asiático, Os Estados Unidos e Australia ademais de Alemaña, o Reino Unido ou o Xapón ademais de impoñer restricións aos viaxes comprometéronse a enviar axuda.

E para intentar darlle a volta á situación a India emprendeu unha nova fase nun ambicioso plan de vacinación para os maiores de 18 anos. Beneficiará a máis de 500 millóns de persoas, que recibirán a primeira dose da vacina. Ata o momento só estaba aberta a vacinación para os maiores.