CRTVG

Buscar

Disturbios en París tras unha gran protesta contra a polémica lei de seguridade

Publicado o 28/11/2020 18:22

A nova lei de seguridade que pretende limitar en Francia a difusión de imaxes das forzas da orde está a orixinar protestas nas rúas como a que se convocu este sábado en París para denunciar o recorte das liberdades e que rematou con incidentes.

A convocatoria reuniu milleiros de cidadáns en distintas cidades do país. En París os choques coa Policía sucederon cando a manifestación chegou á praza da Bastilla e algunhas persoas coa cara cuberta produciron estragos no mobiliario urbano e os axentes lanzaron gases lacrimóxenos. Houbo máis de 40 detidos e unha vintena de policías feridos.

Sindicatos, asociacións da prensa, organizacións de defensa dos dereitos humanos e mesmo o movemento dos chalecos amarelos apoian as protestas e advirten que se a norma sae adiante Francia podería integrar a listaxe de países que violan a liberdade de prensa.

O artigo 24 da lei sanciona con ata un ano de cárcere e 45.000 euros de multa difundir imaxes dos axentes coa intención de danalos. Na marcha moitos mozos levaban carteis co lema "Salvade vidas, filmade os policías" ou imaxes da última actuación violenta coa agresión a un produtor musical negro, nun control hai unha semana por non levar máscara.

Nun intento de atallar o clamor contras as forzas da orde, o presidente Emmanuel Macron lanzou unha mensaxe nas redes sociais en que admite que as imaxes da intervención contra o produtor son "inaceptables" e pediulle ao goberno propostas para reafirmar a relación de confianza que debe de existir entre os franceses e os que os protexen.


 

Noticias web

28/11/2020