CRTVG

Buscar

Incidencias puntuais polo temporal na provincia de Lugo

Publicado o 01/01/2018 20:39

En Lugo tamén recibiron o ano con refachos de vento e abondosa chuvia.

Malia a alerta laranxa que se decretou a comarca da Mariña, o certo é que o temporal de noitevella non foi tan forte como o da semana pasada na provincia de Lugo. Os refachos de vento causaron de madrugada desperfectos na capital que afectaron o mobiliario urbano. Ademais, as augas do río Miño subiron ata os niveis propios desta época do ano por causa da chuvia. O temporal non afectou as celebracións de noitevella e mesmo algúns veciños sinalan que se trata do tempo de inverno e que a auga comezaba a ser moi necesaria. 

Na Mariña os ventos acadaron os 70 quilómetros hora e provocaron ondas de ata cinco metros de altura polo que boa parte da frota pesqueira tivo que permanecer amarrada. Pero ás tres da tarde xa se desactivou a alerta laranxa polo temporal. Na Terra Chá houbo inundacións causadas máis pola falta de limpeza que polo exceso de chuvia. Foi o caso deste garaxe de Cospeito que rematou anegado.

Para as vindeiras horas agárdase que siga remitindo o temporal pero dende protección civil advirten que se estremen as precaucións ao sair á rúa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/01/2018