CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade cre que a curva da quinta vaga empeza a baixar

Publicado o 29/07/2021 08:25

Subiu durante máis dun mes, pero, por fin, por primeira vez, a incidencia en España baixa. Iso si, moi pouco, pero abondo para que en Sanidade consideren que está empezado a dobregarse a curva da quinta vaga. Onte houbo consello interterritorial; despois da reunión, a ministra aclarou que o goberno pecha a porta a xeneralizar o uso do certificado de vacinación para acceder a interiores.

Baixou só uns dous puntos, agora a incidencia está en 699,8, pero levaba 35 días subindo sen descanso. Na última xornada notificáronse máis mortes, foron 73 falecementos con covid−19. E a presión asistencial segue subindo, pero segundo Sanidade, a menor ritmo que nas xornadas anteriores.

Agárdase que o avance da vacinación mellore as cifras. España lidera a inmunización completa entre os grandes países, por diante incluso dos que comezaron antes. Na Unión Europea está só por detrás de Malta. Nas Illas Canarias xa comezaron a recibir a súa dose mozas e mozos de catorce anos.

Preocupa a inmunización das embarazadas, logo de que tres xestantes morresen co coronavirus no último mes en Barcelona, Málaga e Murcia.

Este tema tratouse no interterritorial, pero segundo a titular de Sanidade o que non se tratou foi a regulación do uso do certificado COVID para certas actividades ou espazos porque non estaba na orde do día... Aínda que a ministra de turismo afirmara que se ía falar aí. Darias recoñece que algún membro do consello si o mencionou, pero péchalle a porta a unha medida que xa aplican Canarias e mais Galicia e que se estende por Europa.

As resolucións xudiciais seguen marcando as restricións na pandemia. Asturias pedirá hoxe que lle permitan o toque de recollida para os municipios con máis incidencia, e en Cantabria os hostaleiros recorrerán tamén hoxe contra o peche que lles decretaron nos concellos cos peores datos.

Noticias web

29/07/2021