Incerteza dos galegos no Reino Unido ante o desabastecemento
Os galegos que viven en Londres están a sufrir as consecuencias do brexit no seu peto, e no seu día a día. O maior problema é, sen dúbida, a escaseza de combustible.
Segundo Antón Fernández, mestre de educación física en Londres, "hai escaseza de gasolina, longas ringleiras para botar gasolina e moita xente con problemas para atopala. Pasounos o outro día no equipo de fútbol en que eu xogo, adestradores e xogadores tendo problemas para ter os coches cheos de gasolina e tiveron que ir en metro. É algo que hai que resolver canto antes".
Os problemas do desabastecemento no Reino Unido xorden coas novas fronteiras establecidas polo brexit. Antes os camións circulaban libremente pola Unión Europea e agora a distribución de mercadorías complícase.
Explica Carlos García Cumplido, secretario xeral da Federación Galega de Transportes que "isto agora non se fai con normalidade, paralízase todo na aduana e fai que a mercancía e os camións non cheguen, e, polo tanto, un sistema loxístico que funcionaba perfectamente quedou cortado e teñen desabastecemento".
Nos supermercados algúns mesmo se sorprenden coas baldas cheas de produtos básicos como o papel hixiénico para evitar o desabastecemento dos primeiros momentos da pandemia. Conta Mar Pichel, xornalista da BBC en Londres, que "os supermercados fixeron grandes acopios destes produtos, pero si faltan os produtos de importación, latas de sardiñas, por exemplo, iso é moito mais difícil de atopar agora".
Para María Sabarís, xornalista Galega no Reino Unido, "na farmacia estes días faltaban cueiros de adultos, produtos para bebés, leite en pó, estes leites de fórmula, e tamén pilas".
No que todos coinciden é na incerteza sobre o desabastecemento de cara ao Nadal.