CRTVG

Buscar

Os devastadores incendios de California tinguen de laranxa os ceos de San Francisco

Publicado o 10/09/2020 21:24

LENDA. Incendios da costa oeste dos EUA Imaxes apocalípicas sobre a cidade de San Francisco
LENDA. Incendios da costa oeste dos EUA. Un millón de hectáreas calcinadas neste ano 2020

Ceos laranxa en San Francisco. Non é unha película apocalíptica, senón toda unha realidade. Así tinguiu a cidade o fume dos devastadores incendios que asolan gran parte do estado de California, nos Estados Unidos. As lapas están arrasando estes días Washington e Oregon ata o punto de destruír vilas enteiras. Hai media ducia de mortos confirmados, pero as autoridades xa temen unha alta cifra de falecidos.

O lume xa queimou máis de 8.000 quilómetros cadrados de terreo, establecendo nuevas marcas tráxicas, segundo informou o departamento de bombeiros californiano. Os fortes ventos axudaron a mover estas enormes nubes de fume espeso, que cubriron gran parte da costa do Pacífico, afectando a visibilidade e a calidade do aire. As cinzas esténdense por calquera recuncho.

Máis de corenta incendios seguen activos na peor temporada da costa oeste desde que hai rexistros. Os expertos sinalan a evidencia dun cambio climático que comeza a mudar a vida no estado máis poboado de toda a nación.
Desde o comezo deste ano, a zona rexistrou uns 7.600 incendios fulminando case un millón de hectáreas e deixando agora estas tristes imaxes históricas sobre a ponte do Golden Gate.


 

Noticias web

10/09/2020