CRTVG

Buscar

Arde un local abandonado, que fora unha cafetería, na zona termal de Ourense

Publicado o 28/07/2019 14:29

Novo incendio na área termal de Ourense. De madrugada comezou a arder o local abandonado que fora unha cafetería situada nas Pozas de Maimón, en Reza. O incendio no local, propiedade do Concello de Ourense, comezou pasadas as dúas da madrugada e na extinción estiveron traballando case dúas horas os bombeiros da cidade. Tamén se desprazaron ata o lugar a Policia Local e a Policía Científica, que investigará as causas do lume.

Ao parecer, comezou no interior das instalacións, abandonadas dende hai anos. No aparcadoiro que empregan para ir ás termas de Outariz, había varias autocaravanas aparcadas, pero non foi necesario desaloxar.

Os axentes da Policía tomaron declaración aos campistas e por seguridade acordoaron a zona. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, lamentou o suceso e amosou a súa vontade de recuperar o temalismo simbolo da cidade, despois de que hai agora tres meses arderan as instalacións das termas da Chavasqueira.

Noticias web

28/07/2019