CRTVG

Buscar

Un incendio calcina cinco coches e obriga a desaloxar un edificio en Ordes

Publicado o 25/11/2019 08:06

O acceso ao garaxe sinistrado onte á noitiña en Ordes non estaba permitido hoxe á espera de que a policía xudicial efectuase as pescudas sobre o mesmo. Os propietarios dos quince coches que había dentro cando empezou o lume tampouco pudieron entrar, a pesar de que a maior parte só estaban afectados polo fume.

María ten dous coches no garaxe sinistrado: "Temos dous que, agora como está precintado, non podemos quitalos. Parece ser que os nosos non arderon, pero vamos...".

Pouco despois das oito da noite empezou a saír fume do soto en que teñen a praza para o coche os residentes nos números 26, 28 e 30 da rúa Mediodía. Ao parecer incendiouse un dos coches aparcados contra o fondo do garaxe por causa, de momento, descoñecida. Ao lugar acudiron os tres bombeiros de servizo no parque de Ordes, que afrontaron sós o inicio dos traballos de extinción nun espazo que xa acumulaba unha gran carga térmica e de fume. Logo cooperarían os tres efectivos do parque de Betanzos, desprazados ata Ordes".

"Foi un susto tremendo, pero se non colleu a ninguén, aínda ben", di María, que vive enriba do garaxe, e engade: "Desaloxáronnos, mandáronnos saír polo problema derivado de tanta fumareda e estivemos na rúa agardando a que acabase o problema. Xa viñeron os bombeiros axiña e levoulles o seu tempo, claro".

Unhas tres horas traballaron na extinción e ventilación. Esta mañá dous bombeiros revisaban o espazo do sinistro. No interior permanecen os quince coches, dos que cinco están inservibles; catro polo efecto directo das lapas e o outro por radiación.

Entre o traballo que ten pendente a comunidade de veciños está a avaliación de como afectou o lume e a calor ao edificio.

 

Noticias web

25/11/2019