CRTVG

Buscar

Incendio nunha vivenda en construción en Ames por causa da palla acumulada no baixo

Publicado o 14/09/2018 14:19

Parte dunha vivenda ardeu no concello de Ames. Sobre as dez da noite o 112 recibiu a chamada dun veciño alertando do incendio no baixo dunha casa na parroquia de Trasmonte. A gran cantidade de palla almacenada foi a causante do lume. Arestora continúa un retén na zona para controlar que se extinga totalmente.

O incendio nunha vivenda en construción en Ames fixo saltar na noitiña de onte as alarmas do dispositivo antiincendios. Foi o aviso do distrito 3 de Ordes o que alertou os axentes da Policía Local de Ames de que unha vivenda en ruínas na parroquia de Trasmonte, na aldea de Carballo, próxima a un monte, estaba ardendo. 

O incendio afectou a parte baixa da vivenda, onde se almacenaba herba seca. O propietario da casa estivo toda a noite cos efectivos antiincendios.

Membros do GES de Brión, Bombeiros de Boiro, voluntarios de Protección Civl e Policía Local de Ames formaban este amplo operativo. 

A cantidade  de herba seca acumulada no baixo da vivenda, mais de 90 rolos, fixo que os traballos de extinción se prolongasen ata ben entradas as 6 da mañá. Arestora segue ardendo, xa que a palla, ao estar en rolos, é mais difícil apagala, pois vai ardendo por dentro. 
Non houbo feridos, e o estar illada a casa evitou que o lume puidese propagarse.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/09/2018