CRTVG

Buscar

Controlado o incendio que calcinou dúas naves de reciclaxe en Ourense

Publicado o 15/08/2021 13:32
Controlado o incendio que calcinou dúas naves de reciclaxe en Ourense

Emerxencias informa de que quedou controlado un incendio nunha planta de reciclaxe industrial no concello ourensá de Barbadás, situada ao carón da estrada OU-540, no punto quilométrico 6.

Na extinción das lapas interviñeron  os bombeiros de San Cibrao, de Celanova, de Ourense, o GES de Pereiro, efectivos de Protección Civil, axentes da Garda Civil e medios forestais de loita contra o lume. Agora "seguen arrefriando diferentes puntos aínda activos na zona".

O incendio obrigou á Xunta a activar o plan Territorial de Emerxencias de Galicia, no nivel 1. O PLATERGA permite a mobilización dos medios e recursos locais ou supralocais para atallar o incendio industrial. O 112 tivo coñecemento do incendio contra as cinco e emdia da mañá, por unha chamada á central de emerxencias. O incendio afectoulle a unha segunda nave, onde os servizos de emerxencia lograron conter as lapas, que se propagaron desde a planta de reciclaxe. Ningunha persoa resultou ferida.