CRTVG

Buscar

Cinco persoas intoxicadas no incendio nunha nave do parque móbil de Vigo

Publicado o 21/04/2017 20:20

A rápida intervención dos bombeiros evitou que o lume se propagase a outras zonas do taller. Tres dos intoxicados pola inhalación de fume ingresaron en Povisa e están fóra de perigo

Cinco persoas resultaron afectadas por respirar fume nun incendio rexistrado Parque Móbil Municipal de Vigo. O seu estado non reviste gravidade, aínda que o 061 trasladounos a un hospital da cidade. O estoupido das baterías dun autobús eléctrico estacionado na nave causou o lume.

A alarma saltou a mediodía e precisamente, un bombeiro que se atopaba nese intre nas dependencias municipais comezou as tarefas de extinción. A rapidez da súa actuación, apoiada despois por numerosos efectivos do parque vigués, evitaron a propagación das chamas a outras zonas do taller. A columna de fume que se orixinou na parroquia de Lavadores, onde se ubica o Parque Móbil Municipal de Santa Cristina, foi moi visible desde varios puntos da cidade de Vigo. Ademais dos bombeiros, ata o lugar desprazáronse efectivos de Protección Civil, Policía Nacional e Urxencias Sanitarias de Galicia. Segundo fontes municipais, cinco persoas resultaron afectadas por inhalación de fume. Trátase dun bombeiro e de catro traballadores municipais, todos de carácter leve e fóra de perigo. Con todo, o 061 trasladounos a un hospital vigués en dúas ambulancias asistenciais e unha medicalizada. O concello explicou, a través dun comunicado, que o lume se iniciou nun autobús eléctrico aparcado na nave. O estoupido das baterías do vehículo, apunta o escrito, foi a causa do incendio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/04/2017