CRTVG

Buscar

Arde un serradoiro de Outes, sen causar danos persoais

Publicado o 19/11/2019 16:31

Unha tía dos propietarios da empresa, que vive en fronte do serradoiro, espertou de madrugada e decatouse de que ardían as instalacións. Os donos chegaron decontado e intentaron apagar o lume cos extintores. Pouco antes das seis da mañá o 112 mobilizou o GES de Muros e os bombeiros de Ribeira e Boiro. 

Francisco García, cabo dos bombeiros de Boiro, explicaba que "cando chegamos estaba xa o GES de Muros actuando, o tractor ardendo por completo, a cinta transportadora e a serra. Organizámonos co GES de Muros e axiña o controlamos. A sorte foi que a alerta se deu moi rápido."

Os donos da empresa madeireira cren que o lume se orixinou por un fallo eléctrico nun tractor que estaba dentro da nave. Non houbo danos persoais porque ao ser de noite non había ninguén traballando. Arderon máquinas, palés de madeira e a cuberta, unhas perdas grandes para un negocio familiar con tres décadas de antigüidade

O dono do serradoiro, Manolo Suárez, dicía que "ata agora non valoramos os danos. Ardeu un carro, un tractor, un aparello de serra, arderon todas as cintas por debaixo. Ardeu todo. A ver que pasa coa instalación eléctrica que está soterrada." 

Argimiro Suárez, tamén propietario da empresa lamentaba: "Foi a pedrea do Nadal. O gordo sería se fose todo, pero así foi a pedrea."

Os bombeiros desprazados á Serra de Outes deron sufocado o incendio despois de tres horas de traballo. Pero o labor dos equipos de extinción neste serradoiro prolongouse durante toda a mañá, para separar o entullo e evitar que volvesen prender os rescaldos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí