CRTVG

Buscar

Un incendio aféctalles ás instalacións de conxelados da fábrica de Jealsa, en Boiro

Publicado o 08/05/2021 21:18

• A Xunta activa o plan de emerxencias para coordinar os equipos mobilizados

Desaloxan 25 vivendas e unhas 60 persoas que poderán durmir na casa

• A fumareda pode verse en toda a ría da Arousa

 

A Xunta activou o nivel 1 do Plan de Emerxencias de Galicia (Platerga) polo incendio industrial rexistrado na nave que a conserveira Jealsa ten en Boiro. Busca garantir así a coordinación entre os distintos organismos mobilizados para facerlle fronte ao incendio.

O lume comezou contra as 14:30 horas, por causas que aínda se descoñecen, nunha das áreas da fábrica. A gran fumareda que se orixinou, é visible desde case toda a Ría da Arousa. O alcalde de Boiro, Xosé Ramón Romero asegurou que o incendio comezou na cámara de conxelados.

Interveñen os bombeiros de Boiro, Ribeira e Ribadumia, así como do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Noia e do servizo local de Protección Civil de Boiro. Así o avanzan dende o 112 Galicia. 

Do mesmo xeito, tamén foron alertados Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia, así como a Policía Local, Garda Civil e autoridades medioambientais da Xunta. Ata o lugar desprazouse o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda para seguir a evolución do incendio da planta conserveira.

O servizos de emerxencia estableceron un perímetro de seguridade na zona, coa e posibilidade de que se desaloxaran as persoas que residiran nas casas máis próximas.

Estase a traballar para "enfriar as cubertas das naves que están ardendo", indicou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen indicou tamén que hai "máis de 50 efectivos que loitan dende terra, mar e aire" nas labores de extinción, co obxectivo de enfriar as cubertas das naves que están ardendo.

Polo de agora, e segundo avanzou Rueda, "non hai que lamentar danos persoais". Con todo,  tivo que desaloxarse algunha vivenda máis próxima, por risco de fume. Dende a propia empresa din que están concentrados na protección das persoas e nas zonas con necesidade dunha maior protección. Dende o concello indicaron que "todas as administracións están traballando en conxunto" e que se están a poñer "todos os medios posibles" para "intentar atallar o máis rápido posible o lume".

 

Jealsa é unha empresa familiar, con máis de 60 anos de experiencia, dedicada á fabricación e comercialización de conservas de peixe e de marisco.