CRTVG

Buscar

10.000 hectáreas queimadas xa polo lume de Gran Canaria que afecta ó pulmón da illa

Publicado o 19/08/2019 21:52

Son máis de 9.000 os veciños evacuados por un incendio sobre o que só os medios aéreos levan descargado máis dun millón de litros de auga

O grande incendio forestal que se declaraba o sábado en Valleseco por causas que se descoñecen segue fóra de control e avanzando cara ó sur, ampliándose o perímetro afectado ata os 75 quilómetros. É o último balance facilitado polas autoridades que eleva a polo menos 10.000 as hectáreas arrasadas, 2.000 delas no Parque Nacional de Tamadaba e outras tantas na zona próxima á área protexida de Inagua.

Son xa máis de 9.000 as persoas que tiveron que ser evacuadas das súas casas en nove municipios, case a metade dos que ten a illa. Seiscentos efectivos participaron este luns no operativo de loita contra as lapas canda a dezaseis aeronaves, ás que se han sumar este martes catro máis, segundo avanzou o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación. Luis Planas destacou que se trata do lume máis importante no que vai de ano en España e avisou de que a situación "continúa sendo complicada".

As de hoxe e mañá preséntanse como xornadas cruciais, segundo os técnicos, xa que se espera unha mellora das condicións climatolóxicas con baixada das temperaturas e aumento da humidade; aínda así advirten de que se han necesitar máis de dous días para poder dar por estabilizado o incendio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/08/2019