CRTVG

Buscar

Estragos materiais importantes tras o incendio nunha vivenda en Gondomar

Publicado o 17/04/2019 17:21

No momento de comezar o lume había dúas persoas na casa, que tiveron tempo de sacar unhas bombonas e outros útiles

Susto e desgusto en Gondomar. Un incendio deixou estragos importantes nunha vivenda. Foron os clientes dun bar os primeiros en se decatar e avisar do lume, ao ver saír pola ventá unha gran fumareda.

Dentro había dúas persoas, que puideron saír sen sufrir danos. Antes, deulles tempo de sacar unhas bombonas e outros útiles, o que evitou males maiores.

As lapas, que saían virulentamente polas ventás, consumiron o primeiro andar desta vivenda de Chaín, en Gondomar. Os clientes dun bar, situado á beira da casa, foron os primeiros en dar a voz de alarma, cando viron saír fume pola ventá superior. Os donos da casa estaban na planta baixa, vendo a televisión e alleos ao que estaba pasando uns metros máis arriba.

"Oímos un ruído e cando fomos mirar arriba empezou a saír lume. Fomos para fóra e xa estaban os veciños coas mangueiras", explica Francisco, o dono da vivenda.

Un veciño que é bombeiro púxose á fronte dun equipo improvisado de extinción, ata que chegaron os bombeiros do Porriño e o GES do Val Miñor. Os labores de extinción prolongáronse entre as nove e as once da noite, segundo nos comenta o xefe de garda dos Bombeiros do Porriño, Daniel Bar Franco: "No lugar estaban traballando Emerxencias do Val Miñor, que xa tiñan o incendio controlado. Os labores que fixemos, foi refrixerar a estrutura e os útiles que había na vivenda".

Malia a rapidez con que se estenderon as lapas, os donos da casa lograron sacar algúns útiles e as bombonas de butano, para evitar que estouparan e as perdas foran aínda maiores: "Si, o primeiro sacar as bombonas porque, se non, ía todo polo aire. Mentres non empezou a arder todo, sacamos as bombonas e máis o necesario. E agora, a limpar todo. Teñen que vir os peritos, a ver como está iso... e de momento non podemos estar aquí".

As indagacións dos bombeiros apuntan á mesma causa que sinalan os donos da casa: un curtocircuíto na neveira, situada no andar superior. O lume calcinou o faiado e a cociña e causou danos nas paredes e no falso teito, de maneira que os propietarios non poderán volver, de momento, á súa vivenda.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/04/2019