CRTVG

Buscar

O vertedoiro compostelán de Miramontes comeza a arder de forma espontánea

Publicado o 25/05/2020 14:06

O incendio no vertedoiro de Miramontes detectárono pouco antes das seis da mañá. Unha combustión espóntanea avivada polo vento fixo que se estendera o lume por unha superficie de 2.000 metros cadrados da fronte de vertido. A fumareda era perceptible desde parte da contorna de Santiago.

Manuel Sanmartín Chao, oficial xefe do parque de bombeiros de Santiago relata: "Desprazamos ata alí dous vehículos con sete persoas. Había un pequeno foco de incendio. O que fixemos nós foi controlar en superficie e extinguir para controlar o avance do lume".

Persoal con maquinaria da UTE que explota o vertederio continuaron os traballos ata a extinguir o incendio. Primeiro cubrindo con áridos e terra a superficie afectada para frear a combustión e ir avanzando ata sufocala totalmente.

Héctor Dopico, xerente de Ute Eyrega, que explota o vertedoiro, di que a continuación pasarán a "unha fase de enfriamento de certos puntos quentes e de vixilancia ata nos próximos días ter unha recuperación íntegra dos servizos e das instalacións afectadas.

"Tivemos que comunicar aos nosos clientes e colaboradores que hoxe non podiamos xestionar os seus residuos nas nosas instalacións". "Esperamos mañá estar operando con normalidade".

O xerente sinala que o sinistro non ocasionou maiores danos ambientais que outros incendios e refírese aos ocasionados no depósito de residuos.

Explica  o xerente de Ute Eyrega, hai "uns danos menores nas capas de impermeabilización que colocamos para impedir que a auga da chuvia filtre os residuos e se contamine. É un vertedorio no que se xestionan en condicións de seguridade residuos non perigosos da industria galega".

Segundo os datos da empresa que explota o vertedeiro compostelán, seis horas despois de detectado o sinistro xa só quedaba por cubrir con terra e árido o 30 por cento da área afectada polo lume para extinguilo totalmente.

Noticias web

25/05/2020