CRTVG

Buscar

Incendio en dúas vivendas de Ordes sen feridos

Publicado o 08/02/2019 13:52

Os veciños das 8 vivendas dun edificio situado na rúa Canteira, de Ordes, tiveron que ser desaloxados por mor dun incendio que se iniciou nun dos pisos do segundo andar. Descoñécese a orixe do lume que se propagou polo patio de luces afectando o resto das vivendas. Non houbo que lamentar danos persoais, aínda que os veciños continúan co susto no corpo, xa que no patio afectado hai dúas caldeiras de gas. 

O lume iniciouse contra as 11 da noite nunha das vivendas do segundo andar deste edificio situado no número 15 da rúa Canteira, de Ordes. Aínda se descoñece a orixe do lume que se propagou con rapidez polo patio de luces onde os tendais con roupa avivaron as lapas.

"Sentimos un ruído... Miramos no patio de luces e xa se vía un resplandor de lume... Todo estaba cheo de fume. Evacuamos rapidamente e sacamos os rapaces e todo para fóra. Logo chegaron os bombeiros. Din que se orixinou nunha habitación. Non saben se foi un radiador ou un ferro de pasar. Non tiñan aínda moi claro o que foi", di Carlos Bouzas, veciño afectado.

Aínda co susto no corpo, os veciños do primeiro andar recoñecían hoxe fóra de cámara, que puido ser unha traxedia xa que as caldeiras de gas que as súas vivendas teñen no patio tamén quedaron danadas. Todos os veciños tiveron que pasar a noite fóra dos seus pisos, debido ao fume e por precaución, ante posibles danos estruturais.

"Tivemos que marchar do edificio todos os veciños porque esto estaba... o fume non había quen respirara aquí. Dixeron que terían que apuntalar o noso piso, apuntalara e logo tería que vir un perito a mirar os danos", di Carlos Bouzas, veciño afectado.-

Esta mañá regresaban ás súas vivendas, aínda sen corrente, para avaliar os danos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/02/2019