CRTVG

Buscar

Un incendio destrúe dúas vivendas e provoca danos nunha terceira en Foz

Publicado o 26/11/2019 14:07

Un incendio arrasou por completo dúas casas lindeiras do núcleo de San Martiño, en Foz. A dona da primeira vivenda que se viu afectada polas lapas, de 76 anos, sobreviviu grazas ao seu can, que a espertou cando aínda era de noite. Daquela avisou os donos do seguinte inmoble afectado, que trataron de apagar o lume polos seus propios medios ao tempo que deron aviso ao 112.

"Eu só, porque me chamou a señora ás oito da mañá. E vin para aquí con dous extintores, subín pola escaleira, gastei os dous, pero nada. Non puiden facer máis nada".

"No primeiro momento chegou a señora da casa chamándonos e xa saíu o meu marido e aínda lle quitou a televisión, que estaba ardendo, e miña filla chamou os bombeiros a Foz, e ao momento xa viñeron, pero os outros aínda tardaron bastante. Empezou polo faiado e xa estaba moi ardido todo".

Dende primeira hora, numerosos efectivos dos servizos de emerxencias trataron de sufocar as lapas. Mobilizáronse os bombeiros de Barreiros, a motobomba do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Cervo e mais as motobombas municipais de Foz e de Barreiros. Así e todo, non puideron evitar que as lapas arrasasen tamén a segunda vivenda e se transmitisen a unha terceira, tamén deshabitada.

"Os veciños do lado foron os que empezaron con mangueiras da casa a intentar apagar e a solucionar o problema, pero fóisenos das mans. Co aire, isto é incrible, e segue correndo e correndo", explicaba Bárbara Ramos, de Protección Civil de Foz.

"Son dúas casas moi grandes, antigas pero moi grandes. A da señora estaba bastante ben preparada, pero é todo madeira. Entón aí é onde está o problema. Non se puido facer nada porque é de madeira por dentro, e iso é pólvora. Aínda arde o cemento, para canto máis a madeira".

A pesar da gravidade do incendio, non houbo que lamentar danos persoais. Á espera de seren avaliadas as perdas, que serán cuantiosas, os primeiros indicios sinalan que a orixe do lume puido ser un curtocircuíto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí