CRTVG

Buscar

Investigan as causas do incendio nun garaxe vigués

Publicado o 14/03/2019 13:20

• Pouco antes das seis da mañá, incendiáronse un coche e unha moto

• Máis de cincuenta veciños desaloxados das súas vivendas 

Gran susto o que levaron os veciños deste inmoble do barrio vigués de Coia. Un deles deu a voz de alarma pouco antes das seis da mañá ao decatarse do incendio que se iniciara no quinto andar do garaxe do edificio. O lume deixou calcinado un coche e unha moto e provocou un intenso fume que se propagou con rapidez pola escaleira do inmoble.

Máis de cincuenta veciños foron desaloxados. Outros quedaron na casa seguindo as indicacións dos bombeiros. Ao longo da mañá, moitos veciños non puideron retirar os seus coches e só lles permitiron acceder aos garaxes acompañados polos bombeiros para evitar a inhalación de fume e outros riscos.

Bombeiros e Policía Local controlaron con rapidez a situación. Non houbo que lamentar danos persoais pero si importantes estragos materiais que agora tocará avaliar. Polo de agora descoñécese a causa do lume, se foi intencionado ou un fallo mecánico. Haberá que agardar á investigación que xa abriu a Policía Científica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2019