As lapas calcinaron boa parte do interior dunha vivenda do concello lugués do Saviñao
No momento do incendio había oito persoas no interior da vivenda, entre elas catro nenos e dúas persoas maiores. Algúns deles foron evacuados pola parte traseira da vivenda a través dunha terraza e o tellado dun veciño.
Foi a plena luz do día cando a intensa fumareda que saía do interior desta casa do Saviñao alertaba aos seus habitantes e tamén aos veciños da zona, que deron aviso ao 112.
O lume iniciouse, por causas que se descoñecen, na planta baixa da vivenda destinada a garaxe e almacén, e propagouse moi rápido polo interior da casa, que ten estrutura de madeira.
Foi un octoxenario que estaba na planta baixa da vivenda o que alertou a filla do lume e esta tentou atallar as lapas ela mesma cunha mangueira, pero non o conseguíu e subiu ata o primeiro andar para poñer a salvo outras seis persoas, entre elas catro nenos. Como as escaleiras xa estaban cheas de fume e non podían baixar, acabaron saíndo por unha fiestra da parte traseira que daba acceso a unha terraza e ao tellado doutro veciño.
Malia a aparatosidade do incendio e da evacuación das persoas que estaban na casa, non quedou ninguén ferido e só hai que lamentar danos materiais. Ás perdas propias do interior da casa súmase o coche que estaba dentro do garaxe, que tamén quedou completamente danado.
Membros de Protección Civil da vila e tamén os veciños da zona foron os primeiros en tentar apagar o lume, uns traballos aos que despois se sumaron os bombeiros de Chantada.