CRTVG

Buscar

Incáutanse en Boiro de 500 quilos de marisco ilegal nun só mes

Publicado o 10/10/2019 16:28

Os vixilantes nocturnos da confraría de Cabo de Cruz incautáronse de cincocentos quilos de marisco ilegal só no último mes. Esta mesma madrugada colleron uns vinte quilos de ameixa xapónica. Tamén lle requisaron unha botella de mergullo ao presunto furtivo, que respondeu a pedradas. Un clima de agresividade e violencia que forma parte do día a día nas praias deste pósito.

"Vai, vai, vai por detrás...". "Unha pedra!", escóitase no vídeo gravado por un vixilante. "Intentou golpearme coas pedras na cabeza. Metíaas dentro da camiseta e dáballe voltas como unha honda, e viña cara a min" -explica o vixilante-. "Hai cinco minutos rompeu unha botella e ameazounos con ela. Debe estar polos arredores porque quere recuperar o equipo de mergullo".

"Deixa de gravar, chaval!", di o furtivo no vídeo gravado polo vixilante, que utiliza a cámara como instrumento disuasorio. Tamén levan unha porra e gas pementa: "O día a día aquí en Cabo de Cruz é bastante complicado. Hai moito furtivismo e moi agresivos, sobre todo cando lle quitas o material que traen para extraelo".

A este furtivo, coñecido xa pola zona, incautáronlle a botella de mergullo, a segunda que lle requisan xa polo mesmo motivo, e ameixa xapónica que vendería no mercado negro por uns cinco ou seis euros o quilo: "Son sobre 25-30 quilos, dunha soa viaxe. Non sabemos se ten máis, porque ao decomisarlle a botella, supoñemos que ten somerxido. Seguro que o terá escondido no monte".

En todo o mes de setembro, só na quenda de noite, os vixilantes incautáronse duns cincocentos quilos de marisco ilegal, normalmente con reaccións violentas por parte dos furtivos, que se resisten a perder a ganancia.

"O problema é que non lles pasa nunca nada. Como son insolventes, por moitas penas económicas que lles impoñan, nunca lles pasa nada. Dentro de media hora témolos aquí outra vez", aclara o vixilante.

As sancións soben de 150 euros e poden chegar a varios milleiros dependendo do tipo de delito, se houbo ameazas ou agresións e se son reincidentes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/10/2019