Comisan dous quilos de ameixa pequena e levantan tres actas de infracción a furtivos en traxe de baño na Illa de Arousa
Nas proximidades do illote do Areoso traballan hoxe os mariscadores con embarcación da Illa de Arousa, pero o domingo seica estaba cheo de xente e algúns bañistas aproveitaban o día de praia para extraer ilegalmente marisco.
"As imaxes fixéronse públicas para que a xente vexa que non é unha broma o que fan algúns. Esta xente non se dá conta do prexuízo para eles, xa non o que nos ocasionan a nós. Non saben se ese marisco está apto para consumir porque ten que pasar por depuradora, 48 ou 72 horas e pode ter toxinas", explica Juan José Rial Millán, patrón maior da Illa de Arousa.
Os vixilantes da confraría levantaron tres actas de infracción contra veciños de Santiago, Tarragona e Barcelona. Algún deles tirou o marisco na praia. A outro incautáronlle un quilo e 900 gramos de ameixa babosa e fina, de tamaño pequeno.
"A maioría dese marisco era de tamaño ilegal e o prexuízo é moito máis grande porque supón unha perda de traballo de 18 meses a dous anos", di o patrón maior.
Con máis de 30 quilómetros de costa, os vixilantes da confraría non dan feito no verán.
"O problema é en toda a illa, pero máis no Areoso, é chegar sen ser vistos. Tes que ir nunha embarcación e obsérvante a millas", comenta José Ángel Santos, responsable de vixilancia da confraría da Illa de Arousa.
"Quero dar unha mensaxe aos que veñen veranear á Illa que veñan a pasalo ben. pero o marisco é dos mariñeiros e das mariscadoras", salienta o patrón maior.
Desde a confraría da Illa agradecen a colaboración doutros bañistas para denunciar o marisqueo furtivo e lembran que esta actividade ilegal ten multas de entre 300 e 600 euros.