CRTVG

Buscar

Comisan 30 quilos de haxix en Lugo identificados con fotogramas da película sobre Pablo Escobar

Publicado o 12/09/2019 13:23

Circulaba polo polígono do Ceao cando a Policía Nacional lle deu o alto. Estaban a realizar un control rutineiro vixiando as principais entradas á cidade. Ao rexistrar o vehículo, os axentes atopan no maleteiro dúas bolsas de deportes e no seu interior 30 quilos de haxix, o maior alixo desta droga comisado en Lugo no que vai de ano.

Así o explicaba Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo: "Dentro de ese control rutineiro pero exclusivo para controlar a entrada de substancias estupefacientes, interceptouse este vehículo, o condutor estaba moi nervioso, procédese a rexistrar o vehículo e atopan no maleteiro dúas bolsas de deportes cos 30 fardos que dan un total de 28 quilos. Isto no mercado por ter un valor de 9.000 euros o quilo".

Chama a atención que os distribuidores, para certificar a calidade da droga, empregaron fotogramas da película sobre o narcotraficante Pablo Escobar. Este tipo de marcas ao parecer é habitual. Hai redes de distribución que usan os logotipos de marcas de luxo para diferenciar o material.

Explica o voceiro da Policía Nacional, Manuel Arias: "Demostra a calidade e demostra o proveedor. Hai tres tipos de identificación, dase por feito que son tres proveedores diferentes con tres calidades diferentes".

A persoa que transportaba a droga conta con antecedentes policiais e, tras pasar a disposición xudicial, ingresou no cárcere por un delito contra a saúde pública.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/09/2019

Máis sobre lugo