CRTVG

Buscar

Inaugúrase en Lugo o único rocódromo homologado polo COI en todo o país

Publicado o 18/10/2019 20:39

Rocolugo é o novo referente galego no mundo da escalada. Integrado no Pazo de Feiras da Cidade das Murallas, trátase do único rocódromo en todo o ámbito estatal que está homologado polo Comité Olímpico Internacional. Ten catro muros, dous para a práctica con corda e sen corda, un terceiro de velocidade e outro máis de dificultade. "Isto vai marcar un punto de inflexión na escalada en Galicia. A xente vai ter onde adestrar e escalar indoor cunha estrutura moi boa e sairán mellores escaladores."
 

Rubén López, xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo: "Falar deste rocódromo é falar do mellor rocódromo que hai agora mesmo en España. Está homologado nas tres modalidades olímpicas, tanto en boulder como dificultade como en velocidade."

O rocódromo estará aberto toda a semana non só para os escaladores, senón tamén para o público en xeral. Ademais de competicións, tamén acollerá cursos para nenos e maiores.

Nacho Jorge, vicepresidente da Federación Galega de Montañismo: "Vai cubrir a demanda dun deporte recreacional, de formación profesional con prácticas en vertical e tamén o deporte cos colectivos de capacidades diversas. Permítenos traballar con nenos con trastornos do espectro autista, con cancro e cun amplo abano de colectivos."

As instalacións foron financiadas polos diversos organismos públicos, cun investimento de máis de 300.000 euros. O rocódromo acollerá mañá a súa primeira competición, e o domingo, unha xornada de portas abertas.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/10/2019