CRTVG

Buscar

Iñaki Urdangarin sairá dous días á semana do cárcere de Ávila para facer voluntariado

Publicado o 17/09/2019 16:56

O Xulgado de Vixilancia Penal 1 de Castela e León permitiu, coa oposición do Ministerio Fiscal, que Iñaki Urdangarin poida saír do centro penal de Ávila dous días á semana, oito horas cada día, para levar a cabo un labor de voluntariado.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León nun comunicado, a decisión do xuíz de Vixilancia Penal recolle que a elección do réxime de vida, a forma de cumprir a pena de prisión, non está suxeito á vontade dos internos, vén regulada na lexislación penal e é imposta  imperativamente pola Administración, de forma que o seu incumprimento é obxecto de sanción.

Fontes penais insisten que as saídas de prisión que autorizou agora un xuíz non poden ser consideradas permisos, senón un "programa especializado" para penados clasificados en segundo grao cun perfil de baixo perigo social e sen risco de fuga, en aplicación do artigo 117 do regulamento vixente.

A condena do esposo da infanta Cristina cumprirase o 9 de abril de 2024, segundo se recolle no auto co que o xuíz de vixilancia penal permitiulle saír do cárcere dous días á semana para colaborar cun centro de discapacitados.

Cando foi condenado polo caso  Nóos estaba en liberdade provisoria, podía elixir cárcere e optou pola abulense de mulleres, a de Brieva, onde ingresou o 18 de xuño de 2018. O 28 de novembro cumprirá un cuarto da condena e poderá empezar a pedir permisos de saída, que deberán ser autorizados pola xunta de tratamento da prisión. En caso de rexeitalos, como ocorreu ante o seu programa de voluntariado,  Urdangarin terá ocasión de volver recorrer ao xuíz. Non será ata maio de 2021 cando cumpra a metade da súa condena e teña dereito ao terceiro grao, é dicir, ao réxime de  semiliberdade. Cada seis meses a prisión revisa a súa clasificación e o centro de  Brieva analizou o seu caso por última vez a finais de xullo.


 

 
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí