CRTVG

Buscar

Investigan a Gómez-Reino e a Yolanda Díaz por atentado contra a autoridade

Publicado o 19/09/2019 12:58

O Xulgado de Instrución número 25 de Madrid chamou a declarar os deputados Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino e Rafa Mayoral e a ex-deputada Ánxela Rodríguez como investigados por un suposto delito de "atentado contra a autoridade" durante unha concentración fronte ao Congreso dos Deputados en contra do peche das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés que se produciu o mes de marzo pasado.

A pesar de que os deputados están aforados polo Tribunal Supremo, a xuíza decidiu igualmente chamalos a declarar. O auto recolle o atestado policial en que se asegura que se dirixiron aos manifestantes para incitalos a saltar o valado que protexe o Congreso. Tamén se sinalaba nese atestado que Yolanda Díaz empurrou axentes para evitar que detivesen manifestantes. 

Nunha rolda de prensa no Congreso dos Deputados, Rafa Mayoral, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, negaron os feitos dos que se lles acusan, aseguraron que sempre estarán "ao lado dos traballadores", e acusaron de "persecución" ás "cloacas do Estado", polo que lle pediron explicacións ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.

Polos mesmos feitos tamén están investigados varios traballadores de Alcoa e dirixentes sindicais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí