CRTVG

Buscar

Investigados 3 membros da cúpula de Podemos por financiamento irregular

Publicado o 11/08/2020 20:05

O titular do Xulgado de Instrución número 42 de Madrid chamou a declarar como investigados a Juanma del Olmo, secretario de Comunicación de Podemos; a Daniel de Frutos, responsable de finanzas do partido, e a súa xerente, Rocío Val. Tamén reclamou a normativa de soldos da formación e outros documentos, como as facturas das obras da súa nova sede en Madrid.

Segundo varios medios, o auto do xuíz tamén investiga a Podemos como persoa xurídica nunha causa sobre un presunto caso de malversación de caudais públicos. Os 3 investigados declararán o 20 de novembro. A investigación parte da denuncia de José Manuel Calvente, antigo avogado da formación morada, que denunciou gastos sen xustificar e o pagamento de sobresoldos.

A dirección de Podemos di que a investigación carece de probas e pediu a nulidade do proceso porque só se lles remitiron 40 minutos das máis de 3 horas de declaración do seu ex-avogado. Vía Twitter, o secretario de Organización, Pablo Echenique, augurou o fracaso dunha denuncia que, na súa opinión, forma parte dunha campaña de difamación mediática.

Tamén a través das redes reaccionaron outros partidos. Vox cre que o cerco se estreita arredor de Iglesias. Ciudadanos reclámalle explicacións a Podemos e dinlle que non son exemplo de rexeneración. O PP quere que Iglesias aclare se estaba ao tanto destas presuntas irregularidades.

"O vicepresidente Iglesias ten que deixar de atacar dunha vez por todas as institucións e debe comparecer en conferencia de prensa de forma urxente e dar a cara ante os medios de comunicación. Estaba o vicepresidente Iglesias ao tanto do presunto presunto financiamento ilegal do seu partido?", di Pablo Montesinos, vicesecretario de Comunicación do PP. 

 

 

Noticias web

11/08/2020