Impulsan unha campaña para animar a estudar portugués nas escolas oficiais de idiomas
Así comeza un vídeo realizado polos docentes de portugués en que se promove o estudo desta lingua nas escolas oficiais de idiomas. Forma parte dunha campaña que ten como fin animar a matricularse este curso nalgún dos oito centros en que se imparte. Nel destácase a vantaxe dos galegos para aprenderen a expresarse nunha fala tan próxima e semellante á nosa e que ademais abre portas en tantos países.
"Utilizamos un enfoque comunicativo en que o principal é chegar a desenvolverse en contextos reais de comunicación, e todo o facemos por medio de xogos e teatralización. É unha forma totalmente diferente, moito máis divertida e dinámica, en que as persoas o pasan moi ben". di Uxio Outeiro, profesor de portugués na Escola Oficial de Idiomas de Lugo.
"O que queriamos era desmitificar, porque a xente que se inscribe en portugués fica marabillada e moi contenta coas aulas. Esa aprendizaxe aborrecida da que temos idea dos tempos da nosa nenez ficou moi atrás. A abordaxe nas escolas de idiomas é comunicativa, pois aprendemos a lingua que se fala en Portugal e non a lingua dun dicionario simplemente", explica Maria Vilaverde, xefa do departamento de portugués da EOI de Lugo.
A campaña, impulsada pola asociación Docentes de Português na Galiza, fai especial fincapé tamén nas facilidades para inscribirse nas escolas de idiomas. Destaca que o prezo da matrícula para o curso enteiro é de 92 euros, e que incluso sae de balde para o profesorado.
"A partir dos 14 anos calquera persoa pódese matricular na escola oficial de idiomas, con prezos de 92 euros a matrícula para todo o ano. Realmente, é unha oportunidade impresionante, con todas as vantaxes do ensino do portugués, unha lingua moi próxima para todos os galegos", di Uxio.
"E o profesorado ten a matrícula gratuíta nas escolas de idiomas. Entón, se queres ter un C1 ou un C2 para que che puntúe, por que pensas noutra lingua e non no portugués, que che vai ser moitísimo máis fácil e vas poder viaxar moitas máis veces ao país?".
A preinscrición nas escolas de idiomas permanecerá aberta ata o 14 de setembro, mentres que o prazo para matricularse remata a fin de mes.