CRTVG

Buscar

Illa pídelle a Ayuso que "se deixe axudar" porque "imos tarde"

Publicado o 28/09/2020 19:34

O Ministro de Sanidade, Salvador Illa, pediu á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que se "deixe axudar e que escoite", tras asegurar que "imos tarde" na rexión, onde hai transmisión comunitaria, incremento de casos e falecidos, polo que insistiu en que hai que actuar con determinación.

Así o dixo Illa na conferencia de prensa posterior á reunión que mantivo este luns co conselleiro madrileño de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, para seguir abordando as medidas de prevención postas en marcha contra a covid-19 na Comunidade de Madrid, tras o enfrontamento entre o executivo central e rexional sobre as restricións para aplicar. 

A xuntanza bilateral remata sen acordo

Unha reunión que, segundo informaron fontes do executivo madrileño, terminou sen acordo, xa que o central segue reclamando a posta en marcha de restricións de mobilidade para áreas cunha incidencia acumulada de 500 casos de coronavirus por cada 100.000 habitantes, o que incluiría o conxunto da capital.

Ademais, Illa explicou que habería que restrinxir o consumo nas barras dos bares e restrinxir a ocupación das terrazas dos establecementos de hostalería ao 50 %. Sanidade explicou que Madrid notificou este luns 13.449 novos contaxios dos 31.788 rexistrados polas comunidades (un 25 % do total), respecto ás cifras do pasado venres, "o dato máis alto da segunda onda, segundo o ministro de Sanidade. Con este incremento de positivos, Madrid suma 227.158 contaxios desde o inicio da pandemia e 9.246 falecidos, 82 nos últimos 7 días. 

Noticias web

28/09/2020