CRTVG

Buscar

Illa e Aragonés inician negociacións paralelas para formar goberno

Publicado o 16/02/2021 08:23

Xa están en marcha as conversas en Cataluña para formar goberno. Hai dúas negociacións paralelas, as de Salvador Illa e Pere Aragonés. O PSC quere sumar con Esquerra e os comúns, pero os republicanos manteñen o veto aos socialistas e aspiran a formar un goberno independentista. 

Gañador das eleccións en votos, Salvador Illa quere levar a iniciativa e xa iniciou a ronda de contactos para a súa investidura, da que exclúe a Vox. O socialista asegurou que non formará goberno con quen teña como obxectivo a independencia pero non aclarou con que maioría pode ser investido presidente.

Illa vaino ter difícil porque Esquerra mantén o veto ao PSC. Din que son antagónicos. "Como a auga e o aceite", dicía Aragonés nas últimas horas. A prioridade dos republicanos é un Govern independentista e de esquerdas.

Esquerra inicia as negociacións coa CUP, que desta vez esixe ter voz no novo executivo, e con Junts per Catalunya, formación que, inda que ten un escano menos ca os republicanos, tamén pon as súas condicións. Pere Aragonés quere un Govern amplo de corte soberanista que inclúa os comúns. Pero os de Junts néganse a esa ecuación; queren só independentistas.

Jordi Sánchez, Secretario xeral de Junts per Catalunya: "Para nós, iso significa un acordo prioritario e único con Esquerra Republicana e a CUP".

En Comù Podem, con quen queren contar tanto Illa como Aragonés, xa advertiu que non entrará nun executivo en que estea tamén o partido de Carles Puigdemont.

Jessica Albiach, En Comù Podem: "Somos incompatibles con JxCat. Nós apostamos polo diálogo. Eles, pola confrontación".

Existe outra opción: un pacto a dous, entre Esquerra e Junts per Cat, que sumarían 65 escanos, a tres da maioría absoluta, polo que lles bastaría con que a CUP e os comúns se abstiveran na investidura en segunda volta.

Con todo iso, e con tanto veto cruzado, prevense semanas de intensas negociacións.
O futuro Parlament ten ata o 12 de marzo para constituírse. De apurárense os prazos, o primeiro intento de investidura sería arredor do día 26.

Noticias web

16/02/2021