CRTVG

Buscar

Illa di que seguen os protocolos internacionais de reconto de falecidos

Publicado o 08/04/2020 17:53

O criterio do Ministerio de Sanidade para contar os mortos por coronavirus é claro: só computan os falecidos aos que se lles fixera a proba e deran positivo. Deixa fóra, polo tanto, todas as vítimas mortais ás que NON se lle fixo o test aínda tendo síntomas de estaren contaxiadas. De aí as dúbidas sobre o alcance real da pandemia e a precisión dos datos que escoitamos cada día.

O Tribunal Superior de Xustiza de Castela-A Mancha daba a voz de alarma esta semana: as licenzas de enterramento na comunidade triplican o dato oficial de mortos por coronavirus neste territorio.
En Madrid, só na segunda quincena de marzo, hai un aumento das mortes sen explicación dunhas 3.000 persoas. De sumarse, duplicarían o reconto oficial.

Dende que empezou a crise, a mortalidade en España disparouse un 50%, especialmente nas comunidades máis afectadas polo virus. No caso de Galicia, as cifras apenas rexistran aumento.
Para mellorar o reconto, o Ministerio de Xustiza mandou instrucións urxentes a todos os rexistros civís do país. Pídelles que envíen todas as licenzas de enterramento tramitadas dende o 14 de marzo, e que informen a diario dos datos de defuncións co máximo detalle. Pero os traballadores dos rexistros levan días denunciando que están desbordados pola carga de traballo.

Sanidade intervirá ante os prezos abusivos de máscaras e xeles

Por outra banda, Salvador Illa anunciou que o Goberno vai actuar e intervir ante os prezos abusivos que se están rexistrando en máscaras, xeles e luvas, porque, segundo sostivo, actualmente cómpranse a un prezo distinto ao que se compraban antes.

O titular de Sanidade é consciente de que "hai practicas abusivas" no prezo dalgúns produtos tras o estado de alarma e, por iso, o Executivo decidiu intervir nos servizos funerarios, en colaboración co Ministerio de Consumo.

"Os empresarios teñen que cobrar os prezos que estaban vixentes antes da entrada do estado de alarma", dixo o ministro, e por iso agora actuarase #ante os prezos abusivos doutros produtos, como máscaras, xeles e luvas.

Noticias web

08/04/2020