Sanidade estudará este venres coas comunidades o uso obrigatorio das máscaras
• O Goberno valora estender a obrigatoriedade das máscaras
• Seis de cada dez contaxiados superaron a enfermidade en España
• A oposición repróchalle chegar "tarde e mal" e pide probas PCR masivas
Os membros da comisión gardaron dous minutos de silencio
O ministro de Sanidade asegurou hoxe que "as medidas de contención tiveron o efecto buscado", pero "non temos inmunidade de grupo ni a imos ter" respecto da COVID-19.
Salvador Illa valorou os resultados preliminares do estudo de seroepidemioloxía desenvolvido nas últimas semanas, que indica que só o 5% da poboación en España estivo exposto ao virus. Hai equilibrio entre homes e mulleres, menor incididencia en nenos e mozos e unha gran variabilidade entre territorios.
Na súa comparecencia na Comisión de Sanidade do Congreso, Illa pediu cautela na fase de desescalada porque "o virus sobrevive fora do organismo humano" e defendeu a valoración de cada unha das medidas aprobadas para cada territorio "en base a informes técnicos". Insistiu en que "o pogreso dunha fase a outra "non é unha carreira nin un ránking, reducilo a unha competición é perder a perspectiva".
Ademais, destacou que o pase a unha nova fase "non supón en ningún caso a avaliación da xestións sanitaria das comunidades autónomas", porque "aínda que se traballara moi ben desde o punto de vista sanitario, hai outros datos a ter en conta", entre os que citou datos epidemiolóxicos, de mobilidade ou aspectos socioeconómicos.
Illa destacou que seis de cada dez persoas contaxiadas de coronavirus en España superaron a enfermidade.
Respecto da propagación da enfermidade, asegurou que "a tendencia permítenos ver que imos na dirección correcta", afirmou, apoiándose en que cando se decretou o estado de alarma, o 14 de marzo, "tiñamos un incremento do 35 %, e agora é inferior ao 0,2 %".
Explicou que as medidas de alivio non tiveron, "por agora, impacto na evolución da pandemia". Con todo, puntualizou que o cambio de fase aprobado para o 51 por cento da poboación "non se pode valorar aínda" en termos de propagación da enfermidade.
Uso das máscaras
O ministro admitiu, en resposta ás preguntas dos grupos políticos, que o Goberno estuda estender a obrigatoriedade do uso das máscaras. "Hai argumentos a favor e en contra, e distintas opcións nun e noutro sentido nos distintos países europeos", dixo, e engadiu que tras pedir opinión aos conselleiros autonómicos "estamos na fase de avaliar se procede ou non facer obrigatorio o seu uso en determinadas situacións". A decisión, apuntou, tomarase no marco da cogobernanza coas comunidades autónomas. Na actualidade, é obrigatorio usar este elemento no transporte público.
Illa informou de que desde o 10 de marzo ata o 12 de maio o Goberno distribuíu máis de 100 millóns de máscaras, máis de 30 de guantes e outros elementos sanitarios como aparatos de ventilación mecánica.
O ministro defendeu como "imprescindible" a imposición dunha corentena para todos os viaxeiros que cheguen a España porque "a propagación do virus está directamente relacionada coa mobilidade".
Máis datos das autonomías
Ademais, detallou as novidades que introduce desde agora o Goberno na información sobre a evolución da doenza que deben proporcionar as comunidades autónomas nesta nova fase. Así, explicou que se amplía a recollida de datos. "Informarán a diario de casos sospeitosos atendidos, vía atención primaria ou hospitalaria". Os gobernos autonómicos tamén deben facilitar o número de profesionais dedicados á loita contra a COVID-19 e a súa proporción respecto da poboación.
Respecto das perspectivas para dar cunha vacina que free o virus, o ministro destacou que os dous grandes proxectos que se están levando a cabo en España son o promovido pola Universidade de Santiago e o que encabeza a Universidade de Zaragoza. Ademais hai outros seis proxectos financiados polo Ministerio de Ciencia, e avanzou que xa se está empezando a traballar en escenarios, franxas de poboación e horizonte temporal de vacinación para cando estea dispoñible unha vacina.
Ademais, informou de que hai 65 ensaios clínicos na actualidade con 20.000 pacientes para buscar tratamentos que poidan ser eficaces contra o coronavirus.
"Tarde e mal"
A deputada do PP Concepción Gamarra reprochoulle ao ministro que o Goberno chegara "tarde e mal" á contención da pandemia de coronavirus.
Desde Vox Juan Luís Steegmann reclamou probas PCR "para todos".
O Grupo Republicano pediulle máis diálogo ao Goberno. Pilar Vallugera reclamou, ademais, que se aproveite a valía da profesión veterinaria nesta crise. Os veterinarios son, dixo, os máis capacitados en saúde pública, e "expertos en control de pandemias", polo que apuntou ao seu potencial para achegar axuda.