CRTVG

Buscar

Illa descarta por agora adiantar o toque de queda: "Ímolo estudar"

Publicado o 20/01/2021 19:06

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, descartou este mércores a petición de oito comunidades autónomas de modificar o estado de alarma para adiantar o toque de queda antes das 22.00 horas, aínda que asegurou que esta proposta "será estudada" por parte do Executivo central.

Así o confirmou conferencia de prensa posterior ao Consello Interterritorial de Saúde, que se celebrou este mércores desde Sevilla. O Goberno emprazara ás CC. AA. para debater e acordar nesta reunión a petición de reformar o actual estado de alarma para adiantar o horario do toque de queda ás 20.00 horas ou mesmo ás 18.00 como pediron algúns gobernos autonómicos.

O ministro Illa considera que a cogobernanza está funcionando ben, e que as comunidades teñen todo na súa man para facerlle fronte á pandemia baixo o paraugas do actual decreto de estado de alarma.

Neste sentido, tanto Illa como a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, insistiron en que os gobernos autonómicos teñen aínda capacidade de aplicar máis medidas que estean amparadas polo actual estado de alarma que rexe no país ata o mes de maio.

As comunidades reclámanlle ao ministerio máis competencias para xestionar a pandemia, e seguridade xurídica para poder actuar. Jesús Aguirre, conselleiro de Sanidade de Andalucía: "Se o Goberno nos dá competencias tennos que dar tamén recursos xurídicos para poñelas en marcha. Eso manifestámolo todos na reunión"

Galicia foi unha das comunidades que propuxo  adiantar o toque de queda para frear a expansión do virus. O conselleiro de Sanidade pediulle ao Goberno central que poña a disposición das autonomías todas as ferramentas posibles para o control da pandemia. E nese sentido plantexou tamén a posibilidade de que os gobernos autonómicos poidan implantar confinamentos domiciliarios no seu territorio. Algo que o ministerio, de momento, tamén descarta.

Noticias web

20/01/2021