CRTVG

Buscar

Illa confirma no Congreso que hai 412 brotes activos e 4.870 casos positivos

Publicado o 30/07/2020 13:36
Illa confirma no Congreso que hai 412 brotes activos e 4.870 casos positivos

Desde que finalizou o estado de alarma, o 21 de xuño, rexistráronse 527 gromos con case 6.960 casos asociados, dos que 412 continúan activos con máis de 4.870 casos positivos: o 60 % deles concéntranse en Cataluña e Aragón.

Os datos facilitounos o ministro de Sanidade, Salvador Illa, este xoves nunha comparecencia na Comisión de Sanidade do Congreso, a petición propia, para informar da evolución da pandemia, onde dixo que non hai que baixar a garda, aínda que a maioría de gromos están sendo controlados, e incidiu na importancia de relacionarse con grupos estables "na medida do posible".

O ministro asegurou que estamos nun escenario distinto ao dos meses de marzo e abril, porque o 60 % dos casos son asintomáticos debido aos rastrexos e aos seguimientos de contactos.

O virus está afectando persoas máis novas, dunha media de 63 anos en marzo ou abril e en arredor dos 45 anos agora, e ata nas últimas cinco semanas baixou ata os 40 anos.

Os gromos prodúcense de xeito máis frecuente no ámbito social e nos últimos días están aumentando os relacionados con reunións familiares, festas particulares e actividades de lecer.

Un 24 % de gromos producíronse no ámbito laboral, especialmente os relacionados co sector hortofrutícola; un 19 son os que se denominan mixtos, onde a transmisión se despraza do ámbito familiar a outros ámbitos.

Arredor do 70 % de gromos teñen menos de 10 casos asociados, son "moi reducidos e moi localizados" e os máis grandes, algúns con 100 casos asociados, están ocorrendo en ámbitos sociais e afectan traballadores en situación de vulnerabilidade.

O ministro recoñeceu que se produciu un incremento da incidencia, polo que hai que facer un seguimiento moi estreito de gromos.

Así, durante a última semana detectáronse, de media, arredor de 900 casos diarios, co que a incidencia acumulada alcanzou 51 casos por 100.00 habitantes durante os últimos 14 días e, por data de inicio de síntomas, é de 17,5 casos con "grandes diferenzas" entre as comunidades.

O ministro valorou o esforzo das comunidades autónomas, que fan unha media de 48.000 PCR diarias.