CRTVG

Buscar

Illa comprométese a recuperar o investimento en sanidade anterior á crise de 2008

Publicado o 18/06/2020 12:47
Illa comprométese a recuperar o investimento en sanidade anterior á crise de 2008

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, comprometeuse a recuperar os niveis de investimento en sanidade previos á crise de 2008 e aumentar progresivamente os recursos ata alcanzar o 7 % do PIB para contar cun sistema público de saúde "robusto" que poida facer fronte a futuros rebrotes e pandemias.

Así o anunciou este xoves o titular de Sanidade, durante a súa intervención na Comisión de Reconstrución do Congreso dos Deputados, onde recoñeceu que hai que "dimensionar" os equipos sanitarios ás necesidades e prever o reforzo de persoais ante posibles novos brotes.

Incidiu na necesidade de "coidar os que nos coidan", non só para que os sanitarios poidan recuperarse do esforzo realizado, senón para que poidan desempeñar as súas funcións nas mellores condicións posibles, polo que avanzou que abordará coas comunidades unha mellora nas súas condicións profesionais.

"Sabemos que a crise económica e as políticas de austeridade provocaron axustes no número de profesionais sanitarios, e na dotación e distribución nalgunhas áreas de atención. Son unhas feridas que nunca chegaron a pecharse e que durante a pandemia foron evidentes", relatou Illa.

Por iso, durante a crise sanitaria, púxose á disposición das comunidades ata 81.000 profesionais, un reforzo que segundo o ministro, "non pode ser puntual".

Illa lembrou a inxección de recursos ás comunidades autónomas durante a pandemia, pero cre necesario afianzar o investimento sanitario a curto e medio prazo.

"Por iso, o meu compromiso e o do conxunto do Goberno é firme para recuperar os niveis de investimento previos á crise económica de 2008 e nos próximos exercicios aumentarase progresivamente os recursos ata alcanzar o 7 % do PIB", anunciou o ministro.

Ademais, pediu unha reflexión sobre a importancia de ter un sistema público de saúde "robusto" e ter moi presente que cando reducimos os recursos do sistema, "estamos a debilitar a nosa capacidade de resposta ante situacións como a do coronavirus, con todo o que iso implica".