CRTVG

Buscar

Illa avisa a Madrid de que "coa saúde pública non se negocia"

Publicado o 13/10/2020 19:18

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, pediu ser "moi prudente" coa situación na Comunidade de Madrid, e instou a "actuar sempre con criterios sanitarios, como fan todos os países da nosa contorna, que están a tomar medidas contundentes para dobregar a curva".  

"Non imos entrar en politizacións nin en polémicas estériles, non imos entrar en reproches. Só imos falar de sanidade. Hai un problema de saúde pública que hai que abordar con criterios de saúde pública", sinalou Illa, referíndose a Madrid, en conferencia de prensa este martes tras o comité de seguimento do coronavirus.   

Illa insistiu en que "o único" que importa ao Ministerio de Sanidade é "a saúde pública". "Coa saúde pública non se negocia", insistiu. "Non queremos cidadáns nas UCI. Pensamos moito nos sanitarios, nas familias que teñen persoas enfermas e, por tanto, isto lévanos a dicir que hai que actuar en clave sanitaria", insistiu.       

O ministro asegurou que o Goberno vai tomar todas as medidas necesarias para derrotar o virus. "Escoito moitos argumentos de esquerdas e de dereitas pero non escoito ningún argumento sanitario. Ao virus vénceselle con criterios sanitarios. Podemos cruzarnos de brazos ou gañarlle ao virus protexendo a todos os españois aínda que supoña sacrificios", concluíu.   

O ministro, con todo, agradeceu aos madrileños a súa "disciplina, comprensión e respecto" ao estado de alarma durante a Ponte do Pilar, ao constatarse unha gran redución na mobilidade cara a outras rexións en comparación con anos anteriores.   

Illa tamén mandou unha mensaxe a todos os cidadáns en vista do gran avance do covid-19: "Ao longo de todo este mes de outubro, non temos que baixar a garda, temos que manter a garda alta. Estamos a ver como están a subir os casos en toda Europa, con notificacións claramente superiores ás do noso país. Non podemos permitirnos baixar a garda. Hai que manter todo o esforzo que estamos a facer como sociedade", sostivo. 

Illa nega cambio de regras e avisa de que hai que chegar á incidencia de 100

Salvador Illa recalcou este martes que non hai "un cambio de regras" respecto ás condicións que obrigan ao estado de alarma na Comunidade de Madrid e que o horizonte da incidencia acumulada por covid-19 ao que hai que aspirar está arredor dos 100 ou 200 casos por cada cen mil habitantes.

Así o dixo Illa e insistiu en que "non se pode estar tranquilos con incidencias de 400" e lembrou que hai comunidades, como Asturias, que xa preparan medidas drásticas cunha incidencia de 175 casos por 100.000 habitantes.