CRTVG

Buscar

Illa di que aínda non se dan as circunstancias para levantar o estado de alarma en Madrid

Publicado o 13/10/2020 10:23
Illa di que aínda non se dan as circunstancias para levantar o estado de alarma en Madrid

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou que aínda non se dan as circunstancias para levantar o estado de alarma na Comunidade de Madrid e dixo que para iso tería que baixar a incidencia "moitísimo máis" por baixo de 200 casos por 100.000 habitantes, "idealmente arredor" de 100 casos.

En declaracións á Cadena Ser,  Illa explicou que se decidiu decretar o estado de alarma para dar cobertura xurídica ás medidas de restrición que rexeitou o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid nunha sentenza, que o Goberno vai recorrer. "Hai razóns xustificadas para recorrelo e ímolo a facer", asegurou o ministro.

O titular de Sanidade explicou que non se dan as circunstancias para levantalo, pero que se durante esta semana nalgún dos municipios confinados se cumpren as circunstancias proporá levantar o confinamento perimetral no próximo Consello de Ministros.

Illa dixo que o estado de alarma retirarase "en canto se poida, pero hai que ver como evoluciona" a pandemia en Madrid, que, segundo os últimos datos, segue cunha incidencia acumulada por encima de 500 casos por 100.000 habitantes, en torno ao 20 % de positividade nas probas  diagnósticas e 40 % de ocupación de UCI.

En canto á reunión do Grupo COVID entre o Goberno e a Comunidad de Madrid, que terá lugar esta tarde, subliñou que "imos poñer todo o esforzo e todo o empeño en ter un espazo de cooperación que funcione", pero "non imos deixar de facer o que teñamos que facer para protexer as saúde pública". "Imos escoitar as súas razóns, os seus argumentos e recuperar unha senda de cooperación que é na que queremos estar", recalcou.

O ministro insistiu en que hai que actuar con rapidez e prontitude como o están facendo outras comunidades autónomas de todas as cores políticas e recoñeceu que hai unha marxe de discusión sobre que medidas poden ser máis adecuadas, adaptándoas ás peculiaridades de Madrid.

No ámbito universitario, defendeu a importancia da educación presencial pero pediu aos mozos que teñan unha actitude máis contida e sinalou que haberá que facer unha especial acción comunicativa e se non funciona "haberá que adoptar medidas doutro tipo".