CRTVG

Buscar

Illa aborda coas comunidades o toque de queda: "Veñen semanas moi duras"

Publicado o 22/10/2020 10:23

Os datos vanse analizar na reunión do Goberno coas comunidades esta tarde. O ministro de Sanidade admite que a situación epidemiolóxica está descontrolada nalgunhas rexións de España. Illa avoga por medidas drásticas se as implantadas non funcionan. Sobre a mesa estará a proposta do toque de queda. 

Superados o millón de contaxios e a incidencia acumulada segue descontrolada en varios territorios.

O ministro de Sanidade advirte que "hai que tomar esto moi en serio. Veñen semanas moi duras. Estamos ás portas do inverno en que a maioría de actividades se desenvolven no interior e favorecen os contaxios "

No plan que presentará ás comunidades autónomas, Sanidade establece catro niveis de alerta. E nas zonas con máis incidencia, recomenda saír da casa o imprescindible, limitar os contactos sociais a grupos de convivencia estable e o peche de comercios ás dez da noite. Sobre a mesa está o toque de queda.

"Vou escoitar a opinión das comunidades autónomas e imos ver se chegamos a un acordo ao respecto", di o ministro de Sanidade.

A Comunidade Valenciana vaino solicitar no seu territorio de doce da noite a seis da mañá. E Castela e León para toda España. Madrid segue en máxima alerta e debate novas restricións. Díaz Ayuso só avanzou que serán medidas cirúrxicas para non prexudicar aínda máis a nosa tocada economía"

Cun novo máximo de casos, case seiscentos, Navarra amenceu confinada perimetralmente. Tamén están illadas desde hoxe Zaragoza, Huesca e Teruel, en Aragón, onde o seu presidente avalía o toque de queda: "será absolutamente van se non existe corresponsabilidade por parte dos cidadáns"

Mañá confinarase A Rioxa. Os índices máis favorables están en Canarias. Alemaña sacouna da lista de zonas ás que non recomenda viaxar e o seu presidente pide quedar á marxe do toque de queda."E se o Goberno de España o quere establecer para o conxunto do país, Canarias pedirá ser excluída, loxicamente, dese toque de queda".

Cataluña, con duras restricións, vive momentos difíciles, con catro mil casos novos. Euskadi está en cifras récord con máis de mil positivos. O Goberno vasco anunciará esta tarde novas medidas.