CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

III Foro Emociona en Santiago

Publicado o 12/11/2016 21:32





Este sábado no Foro Emociona, en Santiago, oímos falar da intelixencia emocional, da felicidade e dos seus métodos ao psiquiatra Luis Rojas Marcos. Tamén da maxia do noso cerebro ao sorprendente ilusionista Rafa Piccola.

Luis Rojas Marcos continúa traballando como psiquiatra en Nova York. É un deses médicos que non só diagnostica e cura senón que se interesa por ensinarnos e fomentar as competencias emocionais que nos predispoñen para sacar o mellor da vida, das nosas vidas.

"O que podemos facer é que a persoa triste se dea conta de que está triste e queira cambialo. Porque o cambio de actitude e personalidade a partir dos 15 anos non é doado e require moito traballo", di Rojas Marcos. E engade que o sentido do humor axuda a ver a vida cunha boa perspectiva, axuda a tratar as contradicións e absurdezas da vida.

Non quedaron prazas libres para escoitar o seu relatorio sobre como vivir máis e ser máis felices.
"Para min a emoción é o motor do ser humano. Interesábame este foro polo nivel dos que veñen e polo pensamento positivo", conta un educador social.

Pechou a xornada este xornalista madrileño reconvertido a mago, Rafa Piccolo. Os ilusionistas, cada vez máis, teñen contacto profesional cos neurólogos. Os dous saben que un cerebro é fácil de manipular con experimentos de ciencia cognitiva.

"Todo ten que ver. Moitos neurólogos do mundo déronse conta de que os magos usan determinados recursos. Por iso nos estudan. Para saber cómo e por que facemos as cousas.", di Rafa Piccola.

Os inscritos neste foro desafiaron con el o seu cerebro emocional ata cuestionarse se é real todo o que vemos.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí