CRTVG

Buscar

O fiscal pide prisión sen fianza para Ignacio González polo caso Canal

Publicado o 21/04/2017 13:44

Eloy Velasco cre que o desfalco dos detidos supera os 23 millóns de euros, como mínimo, e tan só nunha operación, a que supuxo a compra dunha filial brasileira

Na Audiencia Nacional están a declarar ante o xuíz os detidos na operación Lezo polas presuntas irregularidades na empresa pública de xestión da auga en Madrid. Entre eles, o ex-presidente autonómico co PP Ignacio González. Eloy Velasco cre que o desfalco dos detidos supera os 23 millóns de euros, como mínimo, e tan só nunha operación, a que supuxo a compra dunha filial brasileira.

O ex-presidente madrileño foi trasladado aos xulgados este mediodía, despois de dúas noites no calabozo, para declarar ante o xuíz instrutor da operación Lezo, Eloy Velasco. Terá que responder sobre o suposto cobro de comisións millonarias a cambio de adxudicación de contratos e compra de sociedades, cando era o máximo responsable da empresa pública de xestión da auga Canal de Isabel Segunda.

Os investigadorescren que tiña toda unha rede de colaboradores, os outros oito detidos, que tamén están pasando a disposición xudicial.

Os primeiros en chegar á Audiencia Nacional esta mañá, neste autobús, foron o irmán do ex-presidente madrileño e directivo da empresa pública Mercasa, Pablo González; Edmundo Rodríguez, considerado o home forte do ex-presidente madrileño en América Latina e a súa secretaria, Clarisa Guerra, que foi a primeira en declarar.

O resto dos detidos pasará a disposición xudicial pola tarde. Velasco xa decretou onte á noite o ingreso en prisión eludible baixo fianza de 4 millóns de euros para a ex-directora financeira do Canal de Isabel Segunda e de 100.000 euros para o ex-xerente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/04/2017