CRTVG

Buscar

Iglesias ve un "erro" o cartel da formación que anuncia a súa volta á política

Publicado o 07/03/2019 09:00
Iglesias ve un "erro" o cartel da formación que anuncia a súa volta á política

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, cualificou como un erro o cartel que publicou o seu partido para anunciar o seu regreso á primeira liña política o 23 de marzo tras a súa baixa por paternidade, coa mensaxe de 'vuelve' e a sílaba 'el' destacada nun ton máis claro. De feito, a formación morada xa borrou a mensaxe co que difundira en Twitter esta imaxe.

"Non me sinto identificado co cartel co que o anunciamos", recoñeceu Iglesias nunha mensaxe publicada na mesma rede social. "Recoñecer os erros é sempre o primeiro paso para facer as cousas ben", engadiu.

Podemos empregou o citado cartel para anunciar a volta de Iglesias tras tres meses de permiso de paternidade, xerando en escasos minutos unha enorme polémica e fortes críticas por destacar a sílaba 'el' da palabra 'vuelve', precisamente na semana en que se conmemora o Día da Muller.

De feito, o partido morado leva días centrado en defender as súas propostas feministas para garantir a igualdade da muller. Por exemplo, este martes a portavoz parlamentaria, Irene Montero, que asumiu o liderado do partido durante a ausencia de Iglesias, anunciou que Podemos incluirá no seu programa das xerais unha proposta para crear unha materia específica de feminismo.

 

Noticias web

07/03/2019