CRTVG

Buscar

Iglesias: "Se o PSOE volve facer a mesma oferta sentamos a negociar"

Publicado o 29/08/2019 12:05

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, asegurou este xoves que se o PSOE "volve facer a mesma oferta que fixo" no mes de xullo para un Goberno de coalición, o seu partido sentará a negociar e pode haber un acordo "en cuestión de horas".

Nunha entrevista na Cadena Ser, Iglesias advertiu de que ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, se lle acabaron as "escusas" tras vetar a súa entrada no Executivo, e asegurou que Unidas Podemos vai estudar "con moita atención" o documento que lles presentará o vindeiro martes para un acordo programático.

Non obstante insistiu en que ten que haber un Goberno de coalición, en base ao documento exposto por Unidas Podemos en agosto, que implica para o seu partido as políticas activas de emprego ou o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Ao seu xuízo, Sánchez cometería unha "torpeza" se ao final leva ao país a novas eleccións porque existe o risco de que acabe gobernando a dereita e a solución para evitalo é "facer o mesmo ca eles", en referencia a unha coalición e non un goberno de "partido único", que cre que é un modelo acabado.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí