CRTVG

Buscar

Iglesias reorganiza a executiva de Podemos e aposta por un pacto de goberno co PSOE

Publicado o 08/06/2019 19:54

No ámbito político, Pablo Iglesias segue a defender un goberno de coalición con Pedro Sánchez e aposta por un programa de goberno con medidas contra a precariedade laboral e a desigualdade. O líder de Podemos cualificou como "moi malos" os resultados dos comicios de maio e hoxe propiciou unha renovación da exeutiva de Podemos para paliar o que definiu como "falta de liderados territoriais".

A comparecencia de Pablo Iglesias ante os seus estivo marcada pola autocrítica sen paliativos. Sinalou que nas eleccións xerais remontaron con respecto ás enquisas, pero que a cita electoral de maio acabou con decepción.

 "Os resultados en europeas, municipais e autonómicas son moi malos e moi decepcionates e chama a atención que se producira este resultado un mes, só un mes despois das eleccións xerais, unhas eleccións xerais nas que non chegamos á baixa, nas que na campaña electoral fomos de abaixo cara arriba", declarou Iglesias.

O líder de Podemos insistiu na necesidade de estar no próximo goberno de España e dixo que para a investidura de Sánchez proporán unha batería de reformas. Entre elas, subir o salario mínimo a 1.200 euros en catro anos, un imposto á banca para recuperar as axudas que lle deu o Estado, a baixada do IVE en produtos básicos ou a eliminación da reforma laboral de 2012.

Así resumiu a súa proposta: "Un elemento clave para nós? Ben, pois asumir que as reformas do mercado de traballo non foron capaces de dar solución a dous problema estruturais do noso país: o desemprego crónico e a precariedade. Polo tanto, hai que rectificar e hai que facer as cousas diferentes asumindo que a condición fundamental para que haxa eficiencia económica é reducir a desigualdade".

Iglesias quere reforzar a implantación territorial de Podemos e con esa finalidade hoxe deuse o visto e prace a unha remodelación da executiva do partido, que inclúe un 30% de caras novas e a creación dunha Secretaría de Círculos e Participación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/06/2019