CRTVG

Buscar

Iglesias xustifica a negativa do Goberno a pagar a débeda con Galicia: "Estamos atados á legalidade"

Publicado o 02/03/2020 14:47

• O vicepresidente do Goberno reitera os compromisos con Galicia

En plena precampaña, o vicepresidente do Goberno Pablo Iglesias apoiou en Galicia o candidato de Galicia en Común. Nunha entrevista para a Televisión de Galicia Iglesias negou trato de favor do Goberno a comunidades como o País Vasco, e reiterou os compromisos con Galicia.

"Todos os territorios teñen a mesma importancia", asegurou.

O vicepresidente do Goberno, sobre asuntos que son prioritarios para Galicia como é o sector industrial, dixo que "o estatuto das electrointensivas hai que melloralo". No tocante á débeda que a Xunta lle reclama ao Estado, "agora estamos atados pola legalidade e nunha negociación de orzamentos que agardamos sacar adiante. É evidente que un dos grandes problemas do noso país é o financiamento autonómico".

Respecto ao AVE, "os maiores atrasos tiveron que ver cos gobernos do PP. Estamos comprometidos cos prazos". E respecto da AP-9 foi rotundo: "Este Goberno vaille dar a xestión da autoestrada ao  Goberno galego".

Iglesias tamén reflexionou nesta entrevista sobre a situación en Cataluña. Dixo, sobre a mesa de diálogo, que "foi unha reunión moi positiva". "É un sentimento maioritario no conxunto de España que a xente quere que os conflitos se resolvan dialogando", explicou o vicepresidente do Goberno.

"Creo que os conflitos territoriais teñen unha gran complexidade e creo que Galicia é unha nacionalidade histórica. Eu son de Madrid, non son nacionalista, pero son sensible coa xente que tivo que pelexar pola súa lingua e cultura", abundou Iglesias aludindo á cuestión nacional en clave galega.

Respecto ás eleccións en Galicia, asegurou que "o cambio que se está producindo en España vaise producir tamén en Galicia". Negou que gobernar en coalición sexa un problema: "O goberno de partido único ten máis posiblidades de ser corrupto, ineficiente e sen control". "O noso obxectivo é liderar. En calquera caso, terémonos que entender, e por experiencia sei que os gobernos de coalición teñen máis mecanismos de control".

Noticias web

02/03/2020