CRTVG

Buscar

Iglesias insiste en que non hai "normalidade democrática" en España

Publicado o 11/02/2021 15:07

Pablo Iglesias volve reafirmarse nas súas polémicas declaracións: de que en España non existe normalidade democrática. Nunha entrevista radiofónica, o vicepresidente segundo amosouse "moi orgulloso de que estamos demostrando que, tamén dentro do goberno, dicimos a verdade. Aínda que sexan verdades que doen e que molestan a algúns. Eu creo que é unha obviedade que vivimos nunha democracia mellorable. E o feito de que moleste tanto, é a mellor proba de que é a puñeteira verdade".

A plataforma La España que reúne, da que forman parte exdirixentes socialistas como Nicolás Redondo, Joaquín Leguina ou o exministro César Antonio Molina, emitiu un comunicado pedindo o cesamento inmediato do vicepresidente. No texto, asinado por case dúascentas personalidades, tamén do PP e de Ciudadanos, aseguran que "os patéticos intentos de desculpar a súa conduta comprometen a todo o Goberno". A democracia española, din, "non se pode permitir a presenza dun pirómano no Consello de Ministros". E advírtenlle ao PSOE: "ante a historia quedará a responsabilidade de quen o nomeou".

Hoxe volveron saír ministros socialistas confrontar a súa postura. Ante a prensa, a ministra de Defensa, Margarita Robles, volveu insistir en que a democracia española é plena e engadiu que "calquera democracia plena, como calquera persoa, pode mellorar nalgunhas cuestións, pero non na esencia, nos principios, na proxección, en sentirnos orgullosos de España como país demócrata. Creo que non ten nada que envexar a ningún país do mundo e, é máis, é un exemplo para moitos países do mundo".

Noticias web

11/02/2021