Identifican sete persoas nunha festa ilegal nunha discoteca de Betanzos
Pasaban das catro da madrugada. Un veciño desta rúa escoitou música e alertou a Policía Local. Cando chegaron os axentes comprobaron que o ruído saía desta discoteca.
"Pediron reforzo á Garda Civil e estiveron vinte minutos chamando ata que conseguiron entrar", sinala Pablo Beade, concelleiro de Seguridade de Betanzos
Unha vez dentro, segundo fontes municipais, identificaron, canda o dono da discoteca, outra persoa. Malia que negaron que houbese máis xente, os axentes inspeccionaron o local ata localizar unha porta que conecta cun patio exterior. Estaba pechada con chave."Dixo que non sabía onde estaba a chave", di Beade.
"Alí non había ningunha festa nin nada de nada. Eran seis amigos que sempre toman algo xuntos. Fórono acompañar á discoteca para que el fixera os traballos de mantemento no local e non hai outra cousa... Iso foi o que me trasladou el a min", asegura Ana Belén Gómez, representante da plataforma SOS Betanzos
Porén desde o Concello informan de que foron sete as persoas identificadas e que a Policía Local formulou as respectivas denuncias administrativas.